A maior parte da costa do municipio está incluída dentro do espazo natural protexido LIC (Lugar de Interese Comunitario) Costa da Morte, que forma parte da Rede Natura 2000. Isto débese a que contamos con importantes ecosistemas mariños e á biodiversidade da flora e da fauna existentes.

En canto á flora, a vexetación do espazo natural é moi variada e con alto nivel de conservación. Nos acantilados e chairas costeiras atopamos a planta endémica herba de namorar e tamén o perexil mariño. A un nivel máis alto predominan os matorrais de breixos e toxos. Nas praias e dunas atopamos moitas especies endémicas e pouco comúns, como a caramiña (Corema album).

Na fauna destaca a gran importancia das aves mariñas. Estas fan os seus niños nos illotes do cabo Vilán. En Vilán de Fóra atopamos especies en perigo de extinción (gaivota tridáctila, paíño europeo ou corvo mariño cristado) e, por exemplo, as únicas colonias de cría españolas de arao común.

Na xeografía da nosa costa destacan os entrantes e saíntes, con acantilados rochosos, illotes e o cabo Vilán. Este protexe desde o norte a ría de Camariñas. A nosa ría é diferente doutras veciñas: máis pequena, recollida e pouco marcada no terreo. Cara ao interior, vanse perdendo os trazos mariños ata chegar á desembocadura do río Grande, na Ponte do Porto. De feito, aquí onde se mesturan as augas doces do río Grande coas salgadas do océano Atlántico, toma o nome de ría do Porto.