O nome do municipio de Camariñas deriva do nome dun arbusto autóctono, a caramiña (Corema album). Tamén se lle chamaba “herba da fame” pois durante a Guerra Civil a xente comía o seu froito para enganar ao estómago debido á escasez doutros alimentos. Agora é unha especie protexida!
A caramiña pode medir ata un metro de altura, ten moitas pólas e posúe unhas flores femininas pequeniñas de tres pétalos. As masculinas non os teñen. En agosto aparece o froito, de sabor agridoce. É de cor branca ou morada cando está medrando e rosada cando xa madurou.
A caramiña está en perigo de extinción e no areal do Trece, aos pés da maior duna rampante de todo o noroeste español, atoparás a maior reserva de Galicia. Precisamente, a zona máis virxe de Camariñas localízase entre as praias de Trece e a duna rampante do Monte Branco, unha das máis elevadas de España.
É moi importante coidar e preservar esta planta endémica xa que é moi sensible á acción do home. Non te achegues á zona, podes ver os arbustos desde lonxe!