A costa de Camariñas é un auténtico tesouro dende o punto de vista xeomorfolóxico pola variedade e rareza das súas formacións pétreas resultado da erosión eólica e mariña.
Vento e auga tallaron formas suxerentes como a “Furna dos Infernos”, a “Pedra do Oso”, os “Namorados de Reira”, o “Belén de Reira”, a “Virxe de Arou” ou o “Dinosaurio do Petón”, entre outras moitas. Tamén crearon un litoral de praias de areas finas como as de Reira (dividida nas praias de Area Longa, Balea e Reira), Santa Mariña, Arou, Camelle o Trece e dunas como a do monte Branco, a maior duna rampante de Galicia.
As figuras antropomórficas son grandes bloques pétreos que recordan a seres humanos ou animais. A interpretación, desde logo, varía segundo o espectador e a súa situación frente a eles. Ti que ves?
Podes percorrer a “Ruta xeomorfolóxica” de Camariñas para coñecer de preto todos estes tesouros da natureza. É un itinerario lineal e sinalizado de 39,6 km. Comeza na área de descanso que se atopa á saída do lugar de Dor (Camariñas) e remata en Camelle na pedra coñecida como “A Man de Deus”.