O naufraxio do acoirazado inglés HMS Serpent (1890) en punta do Boi acelerou a construción do actual faro e o seu paso a categoría de primeira orde -como o de Fisterra ou o das illas Sisargas-, acadando a súa luz as 60 millas (97 km). A catástrofe tamén motivou que fose o primeiro faro electrificado de España (1896). Xusto enfronte, aínda podes ver o coñecido como “Faro vello”.

Este é un dos faros máis característicos da Costa da Morte. O enclave natural no que se asenta é espectacular. De feito, cabo Vilán foi declarado Sitio Natural de Interese Nacional en 1933.

É difícil esquecerse deste sitio: da paisaxe, da luz, do vento ou da arquitectura do edificio. Está distribuída en alturas e adaptada á orografía: a vivenda está separada da lanterna e comunicada por un túnel cuberto que chega ata a torre. Son 250 escaleiras!

Este é un faro aberto en todos os seus sentidos. Entra para visitar as salas de exposición, nas que sempre hai unha mostra; e o Centro de Interpretación dos Naufraxios da Costa da Morte onde podes ver un percorrido simulado ata a lanterna. Tamén atoparás unha cafetaría.

Se chegas na posta de sol, busca o “raio verde”, a cor que toma a luz do astro rei no entorno dos faros.

 

DATOS TÉCNICOS

  • Altura torre: 25 m
  • Altura luz nivel do mar: 130 m
  • Luz: 2 fulgores brancos cada 15 segundos

 

MÁIS INFORMACIÓN