Entre punta do Boi e punta da Cagada, un dos puntos máis fatídicos da Costa da Morte, foron oito os naufraxios e 245 as vítimas. Pero o máis tráxico foi o do Serpent na noite do 10 de novembro de 1890.
Este acoirazado partiu dúas días antes de Plymouth rumbo a Serra Leona. Derivou moito a terra e a escasa luz do Faro Vilán fixo que batese no lugar que hoxe se chama “o baixo do Serpent”. Os cabos rachaban contra as rochas. Os golpes de mar barrían a cuberta. Escoitouse o desolador “¡Sálvese quen poida!”.
Dos 175 tripulantes só se salvaron 3 que foron empurrados á praia de Trece. O cura de Xaviña mobilizou aos veciños para proceder á sepultura dos 172 corpos neste emblemático lugar. No habitáculo interior están os restos do capitán e oficiais e no recinto exterior, os dos mariñeiros.
Nos primeiros anos un barco da armada inglesa achegábase aquí para botar unha coroa de flores e os barcos de guerra lanzaban salvas de honra.
O Cemiterio dos Ingleses está incluído na Ruta Europea de Cemiterios Singulares, recoñecida, igual que o Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo.
Desde este punto, o visitante apreciará a paisaxe incomparable do monte Branco, a maior duna rampante de Galicia, e aos seus pés a maior reserva de caramiñas, o arbusto (protexido) que dá nome a Camariñas.